ELECCIÓNS MUNICIPAIS

«O PSOE ten demostrado que é un partido de centro»

David Alvarado, candidato de Podemos-EU, pretende inxectar confianza á cidadanía ourensá.

OY17C4F1_161737
David Alvarado Roales, candidato de Unidas Podemos - EU á alcaldía de Ourense, diante da máquina do tren no seu barrio da Ponte.
«O PSOE ten demostrado que é un partido de centro»

Despois de quince anos vivindo e traballando en Marrocos, decidiu volver a casa. «Os galegos temos ese problema de que a terra sempre tira, as miñas fillas xa empezaban a medrar e apetecíame que se empaparan da nosa cultura. Ademais, vía o que pasaba en Ourense e pensaba que xa non era de recibo quedarse de brazos cruzados», explica o xornalista e escritor David Alvarado (Ourense, 1978), que á volta afiliouse a Podemos.

- Por qué?

-Eu son alguén profundamente de esquerdas e penso que a día de hoxe o único partido que representa á esquerda neste país é Podemos. Teño fortes conviccións galeguistas e penso que o único partido que se alonxa dos estremos -entre constitucionalistas e soberanistas, que parece hoxe o debate- é Podemos.

-¿Como valora que non houbese acordo de confluencia con Ourense en Común?

-Cada un é libre de tomar as súas decisións e se hai unha forza que se cre suficientemente forte para afrontar unhas eleccións en solitario e ter uns bos resultados, desexámoslles moita sorte.

- Pois as enquisas prevén representación para Podemos-EU, pero non para eles...

-Porque nós somos un partido serio, estruturado, que non depende única e exclusivamente dunhas eleccións municipais. Nós, entremos ou non entremos, teñamos máis ou menos forza, imos seguir existindo. Ademais somos un partido que temos representación en todas as instancias: no Parlamento galego, no Congreso e despois das eleccións europeas estaremos aínda máis representados en Bruxelas.

- Sen embargo, esta fragmentación da esquerda podería deixar moitos votos sen representación, ¿non si?

-Evidentemente a fragmentación non é boa, pero cada un é libre de presentarse. Eu espero que a xente sexa consciente de que Ourense é moito máis que este Concello e que as decisións que afectan a Ourense transcenden os limites territoriais do propio municipio.

- Cre, como Pablo Iglesias con Sánchez, que Villarino podería preferir pactar con forzas políticas que non son de esquerdas?

-Teremos que ver cales son os resultados das eleccións. Nós somos optimistas e esperamos ser a opción máis votada. Se é o PSOE, pois o PSOE é un partido de centro e como tal xa ten demostrado que non ten ningún remilgo en pactar máis coa dereita. O que está claro é que o PSOE é máis de esquerda cando está Podemos empuxando por detrás.

- Ten Podemos un proxecto a nivel local ou esta candidatura é so unha resposta de última hora á ruptura con OUeC?

-O que ten demostrado Podemos é unha solidariedade absoluta coas confluencias, pero chegou o momento, visto o visto, de cambiar o enfoque. Ata o último momento intentouse o acordo, pero non foi posible e vímonos obrigados a presentar unha candidatura. Proxecto local claro que temos. O círculo de Podemos Ourense existe desde o 2014 e o programa que levamos é froito de moitos anos de traballo e de reflexión.

- Cal debe ser a prioridade do Concello a partir do día 27?

-O primeiro que se ten que dar conta o ourensán é que vivimos na terceira cidade de Galicia. Cando falas cun ourensán parece que ten unha sorte de complexo de que esta é unha aldea de interior porque é o que nos teñen dito os políticos mediocres que gobernan desde hai lustros. Nós non estamos de acordo. Se algo teño visto durante todos estes anos na emigración é un montón de ourensáns polo mundo que son capaces de facer o que se propoñen. Temos un capital humano nesta cidade enorme e temos que facer que os ourensáns crean que viven nunha cidade con potencial. Por iso é importante acabar co caciquismo e co clientelismo; é hora xa de que todos os ourensáns teñan as mesmas oportunidades.

Fonte: La Voz de Galicia