DAVID ALVARADO ROALES, CANDIDATO DE UNIDAS PODEMOS-EU

“É urxente pór os cimentos para a construción dunha cidade con futuro, equitativa e inclusiva”

No concello de Ourense preséntase a candidatura de Unidas Podemos-Esquerda Unida ás eleccións municipais. A lista encabézaa David Alvarado Roales, politólogo, consultor internacional e xornalista. Este ourensán nado en 1978 formouse na Galiza e viviu en Rabat entre 2003 e 2018, onde compaxinou as súas tarefas académicas e de investigación coa actividade informativa. Responde este cuestionario vía correo electrónico.

2019051611303787786
David Alvarado Roales, candidato de Unidas Podemos - EU á alcaldía de Ourense.
“É urxente pór os cimentos para a construción dunha cidade con futuro, equitativa e inclusiva”

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Estes catro últimos anos de xestión do PP á fronte do Concello de Ourense non achegaron absolutamente nada con respecto a todos os anos anteriores. Foi unha lexislatura perdida, na que non cesaron de presentarnos Ourense como unha aldea grande, lastrada por mil e un hándicaps, imposibilitada no seu porvir, onde os responsábeis á fronte do goberno foron incapaces, mediocres e faltos de imaxinación. Non fixeron outra cousa que aplicar políticas paliativas para prolongar a agonía e adiar a anunciada morte da nosa cidade.

O partido baltarista preséntase declinado en dúas forzas, a saber, PP e Cidadáns

O partido baltarista, que con vistas ás próximas eleccións se presenta declinado en dúas forzas, a saber, PP e Cidadáns; non cesou de amosarnos unha cidade á que lle custaba mirar cara ao futuro, estancada, incapaz de avanzar, que deixaba escapar a súa mocidade, cuxo único destino é o de ser carne de emigración, deixando en evidencia o pouco que lle importa Ourense e os ourensáns. Só lle importan por clientelismo e caciquismo para manter o seu poder, os seus privilexios, os seus casaríos e “chiringuitos”.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Un dos grandes dilemas das ourensás e ourensáns é dirimir onde empeza a alcaldía e onde termina o poder da Deputación. Se por algo brillou o aínda alcalde, Xesús Vázquez, é pola súa insignificancia fronte os auténticos poderes do seu partido na provincia, que son os que realmente moven os fíos. Doutra banda, o PP non é un partido da xente, é un partido lastrado, hipotecado e ao servizo de intereses privados, polo tanto incapaz de facer fronte ás eléctricas, á banca, aos fondos voitre, aos grandes promotores inmobiliarios… esquecéndose facilmente dos intereses comúns das veciñas e veciños, aos que realmente se deben e que son quen os puxeron aí no seu momento.

Un dos grandes dilemas das ourensás e ourensáns é dirimir onde empeza a alcaldía e onde termina o poder da Deputación

Tras manter ducias de encontros e conversas con colectivos, asociacións profesionais e diferentes actores da cidade, a única conclusión á que podemos chegar é que o alcalde e o seu equipo non estiveron á altura das súas responsabilidades, xa fose por desleixo ou incapacidade, ou mesmo por salvagardar os intereses diante dos que realmente renden contas; deixando sen atender o groso de urxencias e necesidades da cidade. Máis aló de multiplicar as fotografías, postsnas redes sociais e aparicións en actos lúdico-festivo-gastronómicos, axeitadamente difundidas polos estómagos agradecidos dos medios de comunicación ao seu servizo, a deserción do alcalde e do seu equipo das súas responsabilidades é un feito sen paliativos.

E o traballo realizado polo seu partido?

Nas eleccións municipais de 2015 Podemos decidiu non presentarse e por iso non tivo representación no Concello de Ourense. Neste senso, non temos ningunha bagaxe no seo desta institución e a nosa andadura empeza o vindeiro 26 de maio. Á luz desta pasada lexislatura e das recentes evolucións resulta imprescindíbel a nosa presenza na institución municipal. É preciso que a coalición Unidas Podemos-EU entre no Concello de Ourense con voz propia e que goberne, que se erixa nese vector de transformación e cambio que a cidade precisa, un vector que, máis aló das divisións do nacionalismo e do centrismo-conservadorismo do PSOE, sexa quen de poñer en marcha políticas para todas e todos, sen esquecer e deixar de lado a ninguén. A nosa presenza é máis necesaria se cabe polo feito de que o noso partido ten representación alén dos límites do Concello de Ourense, xa que os nosos intereses tamén é preciso os defender e batallar en prazas como Compostela, Madrid ou Bruxelas, sendo este un feito diferencial de calado con respecto a toda esa pléiade de partidos e organizacións que pretenden que a nosa cidade é un ente autárquico e que proxectos exclusivamente locais, sen ningunha outra proxección territorial e institucional, poden defender os intereses das veciñas e veciños de Ourense.

Cal é a principal necesidade de Ourense?

É urxente pór os cimentos para a construción dunha cidade con futuro, equitativa e inclusiva, onde todas as persoas poidan vivir dignamente e onde todas as voces conten. É urxente facer un Ourense onde todas se sintan protagonistas, con veciñas e veciños implicados nos asuntos cotiás de todas e todos, poñendo fin ao estado de resignación ao que sucesivos gobernos, tanto do PP como do PSOE, teñen circunscrito aos ourensáns.

É urxente facer un Ourense onde todas se sintan protagonistas

É urxente devolver a ilusión ás nosas mulleres e homes, e que Ourense ocupe o lugar que realmente lle corresponde, xa non só por ter sido faro cultural e berce de intelectualidade, senón tamén polo seu presente e esplendoroso futuro. É urxente que a terceira cidade galega, que conta con importantes activos, reais e potenciais, sexa quen de medrar e expandirse para crear novas oportunidades e consolidar novos espazos de influencia.

É urxente impulsar un proxecto socioeconómico chamado a reverter as dinámicas que teñen acentuado as diferenzas entre persoas e barrios, abrindo así a transición cara a unha urbe que non sexa allea aos grandes desafíos económicos, sociais, medioambientais e enerxéticos do novo milenio e da globalización, xunto coas oportunidades inherentes a todos estes procesos.

Máis aló dunha suma de ocorrencias, a cada cal máis altisonante e extemporánea, que é o que abonda entre os nosos adversarios políticos, o noso programa para Ourense inclúe medidas urxentes, que non poden esperar. E sobre todo baséase nunha mirada estratéxica, de medio e longo prazo, para o noso desenvolvemento socioeconómico, o avance democrático, a innovación tecnolóxica, a igualdade de xénero, a loita contra a contaminación e o cambio climático, así como en todos aqueles eidos e aspectos que poidan facer de Ourense unha cidade de oportunidades e dereitos.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Xunto con medidas dirixidas ao saneamento democrático e xestión máis transparente da cousa pública, despois de ter constatado que os servizos externalizados do Concello son de peor calidade e máis custosos, amais de beneficiar única e exclusivamente a un selecto grupo de empresarios en conivencia co PP, apostamos pola remunicipalización. Neste senso pensamos en recuperar de xeito ordenado e legal todos os servizos que sexan posíbeis, para xestionalos directamente desde o concello, para un mellor control dos mesmos e do gasto, así como unha mellor avaliación de impacto, facendo progresar as condicións laborais do persoal que os presta e, de paso, ofrecer unhas mellores prestacións aos seus usuarios.

Neste senso pensamos en recuperar de xeito ordenado e legal todos os servizos que sexan posíbeis

Para aqueles servizos que non sexa posíbel remunicipalizar, revisaremos as concesións, poñendo en marcha unha comisión ad hoc que dea conta do estado das mesmas, que cese as malas prácticas e infraccións para a súa corrección ou, chegado a certo punto, diante de casos de fraude patente, mesmo para a proceder á retirada de licenzas.

Fonte: Sermos Galiza