NOTA DE PRENSA

Unidas Podemos esixe ao Concello de Ourense o pagamento das axudas á Asociación de Persoas Xordas e comprométese coas súas reclamacións

Unidas Podemos esixe ao Concello de Ourense o pagamento das axudas á Asociación de Persoas Xordas e comprométese coas súas reclamacións

Ourense, 21 de maio de 2019

Representantes da candidatura de Unidas Podemos Ourense ás eleccións do próximo domingo mantiveron este martes un encontro con membros da Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) para expoñer a súa situación e atender ás súas reclamacións, entre as que se encontra a esixencia ao Concello de Ourense que abone as axudas que lles adebeda para o seu funcionamento.

Durante o encontro, no que participou o candidato de Unidas Podemos á Alcaldía de Ourense, David Alvarado Roales, a Asociación, a única do xénero en toda a provincia, amosou as dificultades de accesibilidade coas que se atopan e lamentaron a pouca atención que lles presta o concello.

Nomeadamente denunciaron que o actual goberno local denegoulles, a pesar do seu baixo custe, a implantación do sistema Biltec, que lles permitiría facer as xestións municipais de xeito autónomo. Diante desta negativa, lamentan ser cidadáns de segunda categoría, completamente dependentes á hora de facer calquera tipo de trámite municipal.

Do mesmo xeito, incidiron en que o concello aínda non lles pagou as axudas correspondentes aos anos 2017 e 2018 en materia de Xuventude e para intérprete de lingua de signos, e criticaron a deixadez da actual Concellería de Servizos Sociais e as promesas incumpridas do alcalde.

David Alvarado Roales comprometeuse a ter en conta as súas reivindicacións e a traballar en prol da inclusión deste colectivo. “A Concellería de Servizos Sociais é inoperante a todas luces, non atende as mínimas necesidades de colectivos que, coma este, precisan dunha especial atención para impulsar a súa total autonomía e participación na actividade municipal, coma calquera outro cidadán do noso Concello”, sinalou Alvarado.

Nota de prensa formato pdf