PROGRAMA

Internacionalizar e reposicionar Ourense

Ourense conta con activos, sociais e culturais, xunto a un perfil xeográfico e socioecolóxico ben definido e atractivo para aproveitar as súas fortalezas a prol dun posicionamento internacional con retorno para a súa sociedade e economía.
Ourense conta con activos, sociais e culturais, xunto a un perfil xeográfico e socioecolóxico ben definido e atractivo para aproveitar as súas fortalezas a prol dun posicionamento internacional con retorno para a súa sociedade e economía.
Internacionalizar e reposicionar Ourense

A natureza dos municipios e do goberno local ten mudado de xeito significativo no último medio século, o que trouxo unha pléiade de cambios para a vida urbana, afectando ao desenvolvemento local, ao benestar das sociedades e as políticas públicas a impulsar desde os propios Concellos. Estas mudanzas configuran as cidades actuais coma figuras concretas no marco histórico da globalización e a explosión das tecnoloxías da información e a comunicación, situándoas coma centros de poder político, económico, cultural e simbólica. Esta tendencia en Galicia, que se expresa de xeito importante nos últimos lustros, segue a mesma lóxica a nivel mundial e as estimacións indican que seguirá a desenvolverse durante os vindeiros anos. Este novo escenario precipita a necesidade da acción exterior municipal coma unha dimensión máis dos gobernos locais, situándonos nun cambio de paradigma dos modelos de xestión do goberno local en todo o mundo.

O novo contexto internacional precipita a necesidade da acción exterior municipal coma unha dimensión máis dos gobernos locais, situándonos nun cambio de paradigma dos modelos de xestión do goberno local en todo o mundo

Desenvolverse e reinventarse no mundo

Non so as megalópoles ou as grandes cidades precisan coñecer e promover o seu lugar no mundo. Nun planeta onde todxs vivimos interconectadas, ós territorios precisan conectarse ao internacional de maneira consciente, coma parte central do modelo e marca da cidade. Precísase poñer en valor as capacidades e potencialidades do económico ao cultural, pasando polo turístico, ao talento dos seus cidadáns, a riqueza das empresas e a sociedade civil que cohesiona e internacionaliza o territorio; os clubes deportivos, os centros de coñecemento, os referentes culturais locais... Máis aló da acción das Comunidades Autónomas ou das Deputacións Provinciais, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) hai anos que ten unha sección de traballo de relacións internacionais para promover políticas de promoción global desde o local. Das xa clásicas figuras dos irmamentos como accións fundacionais das relacións internacionais dos municipios ás relacións bilaterais actuais, as accións de promoción, cooperación o impulso de redes de cidades, a acción exterior desde o local non para de desenvolverse e reinventarse.

Precísase poñer en valor as capacidades e potencialidades do económico ao cultural, pasando polo turístico, ao talento dos seus cidadáns, a riqueza das empresas e a sociedade civil que cohesiona e internacionaliza o territorio

Bases de Acción Exterior de Ourense.

Sendo unha cidade media, tanto a nivel do estado español coma europeo, Ourense conta con todas as particularidades económicas, sociais e culturais, xunto a un perfil xeográfico e socioecolóxico ben definido e atractivo para aproveitar as súas fortalezas a prol dun posicionamento internacional con retorno para a súa sociedade e economía. Agregar e coordinar os esforzos institucionais nos seus diferentes niveis xunto aos axentes centrais da visibilidade internacional da cidade e a súa entorna, desde as particularidades tanxibles e intanxibles de Ourense; asentará as capacidades locais para un relato global con imaxe e potencialidade internacional. Nesta orde de cousas, Unidas Podemos – Esquerda Unida traballará para a elaboración dunhas Bases de Acción Exterior de Ourense (BAEX-OU) en conformidade coa Lei 2/2014 do 25 de marzo de Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado, a Lei 25/2014 de 27 de novembro, de tratados e acordos internacionais; así como o Drecreto 178/2015 de 26 de novembro que regula a Acción Exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto da Xunta de Galicia 29/2017 de 9 de marzo sobre Cooperación para o desenvolvemento e mesmo a Estratexia Galega de Acción Exterior(EGAEX) Horizonte Post2020.

Ourense conta con todas as particularidades económicas, sociais e culturais, xunto a un perfil xeográfico e socioecolóxico ben definido e atractivo para aproveitar as súas fortalezas a prol dun posicionamento internacional con retorno para a súa sociedade e economía

Axenda urbana da UE

Actualmente, no marco da UE, o Pacto de Amsterdam 2015 e o proceso de desenvolvemento da Axenda Urbana da UE trazan liñas mestras para o mapa urbano europeo, que debemos ter presentes á hora de definir as BAEX-OU. A Axenda Urbana Europa co horizonte 2020 ten por obxecto estimular o crecemento, habitabilidade, innovación e participación das cidades europeas na axenda comunitaria, o que implica, entre outros, aumentar o acceso aos fondos europeos e reforzar a cooperación horizontal. O acompañamento da mesma estará entre os factores críticos de desenvolvemento e financiación para a cidade, pensando xa no próximo marco de planificación comunitaria post 2020. Actualmente dende a Comisión Europea impúlsase o traballo entre asociacións de cidades en 11 áreas temáticas:

  • Inclusión de inmigrantes e refuxiados.
  • Calidade ambiental.
  • Pobreza urbana.
  • Vivenda.
  • Economía circular.
  • Empregos e competencias na economía local.
  • Cambio climático (incluíndo infraestrutura verde).
  • Transición enerxética.
  • Uso sostible do solo e solucións baseadas na natureza.
  • Mobilidade urbana.
  • Transición dixital.
  • Contratación pública innovadora e responsable.

O acompañamento da Axenda Urbana Europa 2020 estará entre os factores críticos de desenvolvemento e financiación para a cidade, pensando xa no próximo marco de planificación comunitaria alén do 2020

Obxectivos do desenvolvemento sostible e ONU Hábitat III

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (2015- 2030) apostan por un renovado concepto de desenvolvemento urbano, onde a sustentabilidade ambiental e os dereitos humáns marcan o rumbo estratéxico. Neste senso cabe suliñar a relación da ONU coa United Cities and Local Government (UCLG) dende 2004, ano da fundación do maior lobby urbán do planeta. O renovado papel dos poderes locais da Axenda 2030 é un indicador dos procesos de transformación globais, do cambio de paradigma na xestión do goberno local e do reforzado papel nos procesos de gobernanza global e as novas formas de paradiplomacia e desenvolvemento económico.

O renovado papel dos poderes locais da Axenda 2030 é un indicador dos procesos de transformación globais, do cambio de paradigma na xestión do goberno local e do reforzado papel nos procesos de gobernanza global e as novas formas de paradiplomacia e desenvolvemento económico

(Algúns) Instrumentos da acción exterior do Concello

Os mecanismos de conexión institucional dos Concellos co internacional contan cun variado repertorio de actividades e achegas, vinculadas principalmente á planificación xeral do modelo de cidade e ao seu posicionamento:

  • Irmandades. Promoción da UE, en particular do Comité das Rexións e Cidades, xerou unha tradición arredor das irmandades municipais. Aínda que en Galiza temos exemplos de irmandades municipais, coma diagnose xeral, na maioría dos casos estes non pasaron de alianzas simbólicas e pouco sostibles no tempo, incapaces de consolidar relacións bilaterais regulares e cun rastro difícil de seguir máis aló da foto fundacional vehículada axeitadamente polos rexedores do momento.
  • Redes de cidades. As redes de cidades especializadas son espazos ideais para o intercambio de boas prácticas e a identificación de oportunidades e liñas de traballo novidosas, ao tempo que espazos de conexións internacionais, lobbys especializados e oportunidades para a potencial visibilización da marca de cidade. É preciso unha visión estratéxica que implique unha programación efectiva para un uso produtivo e eficaz da participación en redes sectoriais e especializadas. Entre outros, existe o Eixo Atlántico, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Pacto de Alcaldes, a Rede Española de Cidades Intelixentes, a Rede CIVITAS, a Rede de Cidades pola Ciencia e a Innovación, a Rede de Cidades polas Bicicleta, Eurocities, Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais Unidos, rede de Cidades pola Agroecoloxía, Asociación Internacional de Cidades Educadoras...

Visión metropolitana e transversalidade

A promoción exterior da cidade debe ter presente a entorna metropolitana de Ourense, agregando os valores tanxibles e intanxibles da cidade á acumulación de potencialidades da área urbana, económica e natural que representa a capital e algúns dos principais concellos a proximidade. Unha Concellería de Acción Exterior e a Alcaldía, pola propia natureza das súas funcións, deberán asumir a coordinación dos esforzos por promover internacionalmente a cidade, facilitando un enfoque transversal da mesma. Departamentos como os de Economía e Emprego, Cultura e Deportes, Turismo, Educación e Igualdade e Diversidade, entre outros, están intensamente vencellados á unidade de acción exterior, aínda que todas as Concellerías deben sentirse parte da visión compartida de cidade global e participar da unidade de acción ao respecto.

Unha Concellería de Acción Exterior e a Alcaldía, pola propia natureza das súas funcións, deberán asumir a coordinación dos esforzos por promover internacionalmente a cidade, facilitando un enfoque transversal da mesma

Marca “Ourense global”

Para a proxección exterior da cidade precísase crear unha narrativa que permita á cidade promoverse con eficacia no contexto global. Precisamos un relato que poña en valor todas as nosas capacidades para promover a marca – cidade. A marca “Ourense global”. A nova marca presenta á cidade como moderna, creativa, cosmopolita e aberta, transcendendo aos públicos turísticos. E a partir de aquí apostamos por declinar a marca para reforzar os valores que moven a acción internacional da cidade, tales como “Ourense coñecemento global” “Ourense deportes global”, “Ourense negocios global”, “Ourense culturas global”, “Ourense turismo global”, “Ourense innovación global”, “Ourense creatividade global” E todo para facer de Ourense unha cidade internacional con vínculos nos cinco continentes, froito da súa historia, particularidades como cidade dentro de Galiza e da súa inserción nos circuítos económicos, sociais, culturais, deportivos ou educativos globais.

Para a proxección exterior da cidade precísase crear unha narrativa que permita á cidade promoverse con eficacia no contexto global, dun relato que poña en valor todas as nosas capacidades para promover a marca-cidade: “Ourense global”

Obxectivos específicos

  • Creación dunha unidade/Concellería de coordinación da acción exterior do Concello de Ourense.
  • Creación dun circuíto de información interdepartamental entre os traballadores dos servizos municipais concernidos e o Goberno local.
  • Monitorización das actividades da acción exterior do Concello.
  • Creación e mantemento de ferramentas para a comunicación de“Ourense global”
  • Institucionalización do diálogo multinivel para a acción exterior coa Xunta de Galiza e outras institucións da nosa Comunidade Autónoma (Deputación, Fundación Galicia Europa, MarcaEspaña).
  • Socialización da marca cidade.
  • Desenvolvemento da conectividade global da cidade e a súa contorna entre a cidadanía e as entidades centrais da acción exterior.
  • Reforzar a Ourense coma receptora de eventos internacionais vinculados coa terra, a gastronomía, os negocios, a cultura, o deporte, a educación e a universidade, a ciencia, a innovación, o turismo, o termalismo...
  • Reforzar a internacionalización do tecido económico da cidade.

comentarios