PROGRAMA

Un Ourense xusto

Aged
Un Ourense xusto non pode esqueder aos seus maiores. Analizaremos a súa realidade, especialmente daqueles que que viven sós e dos dependentes, para detectar situacións de vulnerabilidade e pobreza, e poder facerlles fronte, garantindo os servizos de teleasistencia e atención domiciliaria.
Un Ourense xusto

Unha cidade xusta é aquela na que non hai ninguén esquecido, na que ninguén sufra pobreza e na que se dean unhas condicións e garantías mínimas de vida digna.

Apostar pola Xustiza Social

  • Instaremos á Xunta a construír en Ourense un centro de educación especial.
  • Loitaremos contra a precariedade nos distintos ámbitos.
  • Remunicipalizaremos a casa de acollida de mulleres vítimas de violencia machista.
  • Revisaremos o Albergue municipal do transeúnte.
  • Garantiremos os suministros mínimos: Recoñecerase o dereito á auga, a luz e ao gas. Garantiremos que ningún fogar sufra falta de subministración por incapacidade económica de facer fronte aos recibos.
  • Realizaremos unha auditoría dos servizos básicos que permita determinar os custos reais, así como a orixe e destino dos beneficios obtidos polas compañías xestoras.
  • Crearemos unha oficina para o seguimento e impulso dunha estratexia de rescate cidadán para acabar coa pobreza enerxética en menos dun ano.
  • Articularemos tarifas ambientais e xustas que garantan o acceso universal á auga, e requiriremos ao goberno que articule as tarifas necesarias de electricidade e gas para que ningunha familia teña que destinar máis do 10% dos ingresos totais do fogar para facer fronte as subministracións básicas.
  • Impulsaremos unha proposta enerxética integral que contribúa a eliminar a pobreza enerxética de maneira estrutural.
  • Deteremos ou revisaremos os proxectos contrarios ao ben común, exporemos ao público as condicións en que se executan e tomaremos medidas para deter a súa actividade sen prexuízo para a cidadanía.
  • Estableceremos unha renda social municipal destinada a paliar situacións temporais de necesidade e garantir uns recursos mínimos de subsistencia aos veciños e ás veciñas de Ourense.
  • Crearemos un imposto sobre bens inmobles baleiros de forma continuada en mans de grandes propietarios, para evitar a especulación.

Poñer os coidados no centro da acción política

  • Apostaremos por municipalizar o servizo de atención domiciliaria para asegurar o seu bo funcionamento e evitar a precarización, outorgando a máxima prioridade posible a cláusulas técnicas e sociais que aseguren un bo funcionamento do servizo (como a especialización da entidade xestora, a formación do persoal, o proxecto orientado ao servizo, a promoción da economía social e cooperativa ou a incorporación de cláusulas contra a violencia).
  • Fixaremos un prezo/hora do servizo que garanta un salario digno.
  • Crearemos mecanismos de control, de auditoría, de seguimento e, en caso necesario, de sanción ás entidades xestoras dos servizos.
  • Ampliaremos a rede de servizos de proximidade destinados ao coidado cotián das persoas maiores e con dependencia en toda a cidade, fortalecendo tamén as redes comunitarias de apoio e os grupos de autoxestión dos coidados.
  • Definiremos un plan de actuación e viabilidade para lograr a municipalización do Servizo de Atención Domiciliaria.
  • Garantir o dereito a un envellecemento digno, activo, autónomo e saudable.
  • Analizaremos as realidades das persoas maiores, especialmente as que viven soas e as dependentes, para detectar situacións de vulnerabilidade e pobreza e poder facerlles fronte con iniciativas como:
  • Garantiremos servizos de teleasistencia e atención domiciliaria.
  • Crearemos un programa de atención social para persoas maiores que viven soas.

Melloraremos a rede de equipamentos de persoas maiores.

  • Estableceremos o programa Comidas en Compañía nos centros de persoas maiores.
  • Crearemos un Centro de maiores dependentes municipal. garantindo que todos os nosos maiores teñan os coidados necesarios para axudar a que este labor non recaia nas familias, sobre todo nas mulleres.
  • A bolsa municipal de vivenda e solo deberá reservar unha porcentaxe de vivendas de aluguer social a persoas maiores de 50 anos sen traballo e que estean vivindo con pensións indignas ou sen recurso económico algún.

Apoiar o dereito a unha alimentacion básica

As dificultades para asegurar unha alimentación básica e equilibrada teñen aumentado, sobre todo en familias con nenos e adolescentes en situación de pobreza e exclusión. Hai que garantir o dereito á alimentación axeitada durante todo o ano, con criterios compartidos e de xeito coordinado.

  • Reforzaremos a política de bolsas de comedor durante o curso escolar para asegurar que todos os nenos que o precisen reciban axudas suficientes, de xeito puntual e cubrindo o 100% do custo nos casos que sexa preciso.
  • Melloraremos a aplicación dos protocolos de detección de mal nutrición.
  • Reforzaremos as bolsas para os servizos de alimentación nas escolas infantís municipais e outros servizos educativos para a primeira infancia como espazos familiares.

Crearemos o comedor sobre rodas

  • Aseguraremos comidas equilibradas e asumibles durante as vacacións escolares sempre nun entorno educativo de centros socio educativos e colonias
  • Reforzaremos as actuacións na alimentación para as persoas maiores como as comidas en compañía e as comidas a domicilio.
  • Ampliaremos as canles normalizadas de distribución social de alimentos que non estigmatizan como a tarxeta solidaria de alimentos para o conxunto da poboación que o requira.
  • Reforzaremos a cooperación con empresas alimentarias, mercados e supermercados para mellorar o aproveitamento dos alimentos de xeito socialmente responsable.

Asegurar o empadroamento e o acceso á tarxeta sanitaria

O empadroamento é de vital importancia para a poboación, sobre todo inmigrante, porque deste depende o acceso á sanidade, aos servizos sociais básicos, á escola ou á proba de residencia para procedementos de arraigo.

  • Facilitaremos ás persoas que non teñan ou non poidan acreditar un enderezo fixo unha dirección onde recibir correspondencia, avisos e outras notificacións.
  • Evitaremos que o acceso aos datos do padrón por parte das forzas de seguridade sexa arbitrario e indiscriminado, e esixir que garanta o dereito á protección de datos.
  • Fomentaremos o dereito á cobertura sanitaria pública e gratuíta, a través de campañas informativas tanto entre a poboación emigrada como entre o persoal do ámbito sanitario, e activar un protocolo de acompañamento aos centros sanitarios e hospitais.

Compromiso coa igualdade

Desde Unidas Podemos – Esquerda Unida entendemos que a nosa cidade debe ter un compromiso total e absoluto coa igualdade, a loita contra as violencias e a construción de dereitos LGTBIQ.

  • Atenderemos e faremos cumprir a normativa vixente en materia de orzamentos con perspectiva de xénero.
  • Incorporaremos a perspectiva de xénero como criterio de selección de contratos e subvencións municipais, introducindo estes baremos nas cláusulas dos pregos de condicións técnicas dos concursos de adxudicación.
  • Potenciaremos o Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes
  • Aumentaremos os recursos destinados a previr e intervir en violencia machista, garantindo ás mulleres, así como as persoas dependentes delas (menores deidade ou maiores), unha atención integral, recursos e servizos de calidade para a promoción da súa autonomía económica a través de plans de incorporación laboral e/ou de prestacións dignas (como a casa de acollida a mulleres vítimas de violencia machista).
  • Formación obrigatoria en materia de igualdade de xénero de todo o persoal técnico municipal e de organismos relacionados, así como de cargos públicos.
  • Creación dun Observatorio municipal pola igualdade de xénero encargado de analizar a situación da violencia machista nas súas diferentes fases no municipio, así como atender ao obrigado cumprimento das leis integrais contra as violencias machistas dentro dos distintos órganos do Concello de Ourense.
  • Dotación de recursos humanos e económicos suficientes para o CIM. Aumentar o persoal especializado nas áreas de psicoloxía, mediación, traballo ou educación social.
  • Programas de sensibilización e formación da cidadanía en igualdade de xénero, de corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas de coidados, o uso de permisos de paternidade e maternidade de xeito igualitario e intransferible, así como a detección e tratamento de actitudes, prácticas e comportamentos sexistas.
  • Fomento e apoio á mulleres que desenvolvan actividades en ámbitos culturais, deportivas e noutros eidos sociais, así como a súa dignificación e visibilización.
  • Transversalizaremos a perspectiva de xénero en tódalas áreas do Concello de Ourense incidindo na formación nas relacións afectivo - sexuais, xestión de emocións e resolución de conflitos interpersoais e familiares.
  • Situaremos a responsabilidade da transversalidade no máximo nivel político e xerencial – neste caso, na Alcaldía e na Xerencia Municipal– para ter suficiente apoio político, unha visión xeral do conxunto das actuacións municipais, e a capacidade de coordinar o traballo intersectorial e transversal con eficacia.
  • Garantiremos a participación do movemento feminista na definición de todas as políticas.
  • Estableceremos referentes neste tema en todas as áreas.
  • Avaliaremos sistematicamente o impacto de xénero das intervencións e adaptar os sistemas de información para que apoien estes cambios, entre outras medidas.
  • Incluiremos cláusulas de igualdade en contratos, convenios e subvencións públicas.

Medidas de atención á diversidade

  • Levaremos adiante unha actuación individualizada e personalizada, cunha metodoloxía activa para favorecer a autonomía.
  • Potenciaremos unha actitude positiva cara ás distintas manifestacións culturais e lingüísticas.
  • Fomentaremos actividades en centros cívicos que terán distintos graos de dificultade, respostas múltiples que favorezan o pensamento diverxente, creativo e autónomo e a posibilidade de poder adaptalas ás distintas capacidades das persoas.
  • Impulsaremos talleres de respecto polas diferenzas, favorecendo o auto concepto e a autoestima. Programas de inclusión social.
  • Grupos de traballo heteroxéneos e flexibles.
  • Favoreceremos a participación de tódalas persoas no conxunto das actividades, fomentando a autoestima e a capacidade de superación.
  • Elaboraremos programas de reforzo educativo e de colaboración cidadá
  • Reclamaremos á Xunta a creación de un centro para persoas dependentes maiores de 21 anos.